Proxectos piloto do AGACAL – CMR (MR311A) FEADER 2022
ViñOXs é un proxecto piloto impulsado pola bodega Paco & Lola, co obxectivo de explorar e validar itinerarios enolóxicos innovadores de crianza oxidativa para viños galegos. Fronte ao modelo habitual de crianzas reductivas en aceiro inoxidable, ViñOXs aposta por materiais alternativos como o granito e o formigón, buscando obter viños con perfís sensoriais diferenciados e alto valor engadido. Esta aposta aliñase coas tendencias actuais do mercado, que valoran a autenticidade, a innovación e a sustentabilidade no produto final.
O propósito principal do proxecto foi identificar e validar protocolos de crianza oxidativa específicos para variedades galegas —principalmente Albariño en brancos e Sousón en tintos— mediante o uso de depósitos alternativos aos convencionais. Ademais, buscouse garantir a seguridade alimentaria, minimizar o impacto ambiental (a través da análise do ciclo de vida dos materiais) e avaliar a viabilidade técnico-económica das novas prácticas nun entorno real de bodega.
Durante dúas campañas consecutivas (2022–2023 e 2023–2024), definíronse e aplicáronse 12 itinerarios enolóxicos, adaptados a cada tipo de material e duración da crianza. Os viños elaborados en granito e formigón amosaron perfís sensoriais máis maduros en menos tempo, mentres que os de aceiro inoxidable conservaron mellor a frescura. Confirmouse a alta calidade e seguridade dos viños mediante análises físico-químicas, aromáticas e polifenólicas. Paralelamente, validáronse protocolos de limpeza para os novos materiais e avaliouse a madurez tecnolóxica óptima no campo. As catas técnicas e de consumidores revelaron unha alta aceptación dos viños con crianza oxidativa, o que respalda a súa rendibilidade, malia o maior custo de produción.
O proxecto ViñOXs desenvolveuse entre maio de 2022 e novembro de 2024, cun orzamento total de 145.810,74 €, contando cunha subvención do 80 % financiada a través do programa FEADER (CMR MR311A). Ademais de Paco & Lola, como entidade líder, participaron EVEGA – AGACAL e MBG – CSIC como centros de investigación subcontratados, achegando soporte técnico, enolóxico e analítico.