PlantaVid – Producción de planta de vide resistente á podremia branca de raíz

Proxecto PLANTAVID: Desenvolvemento dunha planta de vide resistente á podremia radicular

A podremia radicular, causada principalmente polo fungo do solo Armillaria mellea, é responsable da morte de cepas nunha elevada porcentaxe de viñedos, especialmente nas Denominacións de Orixe Rías Baixas e Ribeiro. A incidencia desta enfermidade foi aumentando debido á intensificación das plantacións en zonas forestais e á replantación de viñedos antigos. Actualmente, non existe un tratamento efectivo para combatela.

O Híbrido Produtor Directo (HPD) “Folla Redonda” é coñecido pola súa resistencia á Armillaria mellea, e emprégase tradicionalmente na comarca para a produción do viño de autoconsumo ‘Tinto Barrantes’.

O obxectivo deste proxecto foi avaliar a viabilidade de diferentes métodos de produción de planta enxertada, comparando a produción de planta a raíz espida e en contedor (planta pot), utilizando os enxertos omega e inglés tanto en viveiro como en campo. Ademais, estudouse a súa compatibilidade coas variedades autóctonas e a súa resposta a factores clave como a resistencia á Armillaria, a sensibilidade á filoxera, nematodos, pH, estrés hídrico e absorción de potasio. Todo isto co fin de establecer un protocolo de produción de planta resistente e legalizar “Folla Redonda” como portaenxerto, poñendo en valor a súa adaptación ás viníferas autóctonas e aos solos galegos.

Os resultados obtidos non foron prometedores en canto á resistencia á Armillaria mellea, xa que as súas raíces mostraron unha susceptibilidade similar á doutros portaenxertos autorizados. Porén, o estudo demostrou que “Folla Redonda” presenta características salientables para o seu posible uso, como a súa resistencia aos nematodos, unha excelente resposta ao estrés hídrico —o que a fai axeitada para condicións de cambio climático—, e unha boa adaptación a solos ácidos e con baixa retención de auga. Tamén mostrou unha notable capacidade de absorción de potasio, un factor clave para a calidade do cultivo.

O proxecto desenvolveuse entre maio de 2022 e novembro de 2024, cun orzamento total de 179.917,41 €, financiado ao 100% mediante subvención. Paco & Lola participa no proxecto cun orzamento de 38.855,00 €, xunto con Viveros López Vid SL, que lidera a iniciativa, e as entidades Viña Costeira SCG e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA – AGACAL).

Entidades participantes

Paco & Lola
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.