Nos últimos anos a Adega Paco & Lola está consolidando un crecemento continuado e sostible na súa produción e comercialización de viños tanto en mercados nacionais como internacionais que debe vir acompañada por un proxecto que garanta a sostibilidade e viabilidade das explotacións dos seus viticultores.
Os viñedos de Paco & Lola comprenden máis de 270 hectáreas repartidas en máis de 2.000 parcelas, reflexo das pequenas explotacións e do minifundismo típico de Galicia e en particular do Val do Salnés. Coa súa actividade, Paco & Lola, apoia a sustentabilidade socio-económica do territorio onde se asenta, dando soporte e continuidade de futuro á actividade vitícola da comarca e ao traballo diario dun gran número de Persoas Socias cooperativistas.
Neste escenario, cada vez é máis frecuente a demanda por parte dos nosos viticultores dunha prestación externa de servizos, principalmente por viticultores de maior idade, que non poden manter a xestión dos viñedos, pero tamén por parte novos titulares que tomando as rendas das explotacións non poden ocuparse da súa xestión por falta de dispoñibilidade.
Por este motivo Paco & Lola no 2022 puxo en marcha os Servizos Agrarios da Cooperativa para a protección do viñedo e a xestión e mantemento do solo daqueles viticultores que o precisen e con expectativa de incrementar en próximas campañas tanto os servizos prestados coma a superficie a xestionar.
Para poder ofrecer este servizo a adega mercou o seguinte equipamento: 2 tractores, 2 equipos de aplicación e 1 trituradora – desbrozadora. Para a súa adquisición a adega contou cas seguintes axuda da Deputación de Pontevedra a través das subvencións dirixidas ás cooperativas agrogandeiras da provincia de Pontevedra para investimentos por un importe de 25.820,91 € na convocatoria de 2021 e de 21.878,00 € na convocatoria de 2022.
Estes servizos enmárcase na estratexia de Paco & Lola de transición cara a un modelo produtivo de futuro que afronte restos como son: adaptación e mitigación ao cambio climático, aposta por un modelo vitícola máis sostible e respectuoso co medio, modernización dos medios de produción mediante a mecanización e a dixitalización, transición cara a un modelo circular de produción con aproveitamento e valorización dos subprodutos, facilitando acceso ós viticultores a formación e a demostración promovendo a profesionalización e a incorporación de mozos e mozas que garantan o relevo xeracional e a sostibilidade da estrutura de produción a longo-medio prazo.